A prospección de empresas podemos definila como unha forma de achegarnos ó tecido empresarial do noso territorio ou ámbito de influencia, para detectar as súas necesidades en materia de emprego ou formación. Un aspecto importante a ter en conta é que, dependendo da necesidade que queramos cubrir (formación, busca de emprego para un colectivo específico, prácticas pre ou profesionais… ) faremos unha análise distinta do territorio e do dito tecido empresarial.
A maioría de polígonos industriais teñen a súa propia bolsa de emprego polo que actúan como intermediarios, incluso algúns deles contan con persoal de orientación laboral propio. O aproveitamento destes recursos debe servirnos para sumar e aunar esforzos. O estudo do funcionamento dos servizos xa existentes por parte das empresas, xunto cos propios dos concellos, servizos públicos de emprego, entidades e distintos organismos que traballan no ámbito do emprego e a formación, deben servir para complementar os ditos servizos tanto de cara ás propias empresas como ás persoas que están a buscar emprego.
A presenza no territorio de persoal de orientación posibilita unha mellor saída ó mercado laboral das persoas desempregadas, ó proporcionarlles ás ditas persoas información de primeira man sobre o tecido empresarial, recursos para a busca de emprego ou formación, distintas ferramentas para contactar coas empresas, etc.
Ó final todo se reduce a poder cubri-las necesidades das empresas e, por extensión, das persoas desempregadas ou que buscan mellorar o seu emprego e/ou formación. Estas necesidades poden ser detectadas pola propia prospección realizada ou porque as empresas se dirixan ó servizo de emprego no que esteamos a traballar nese momento.
Cal é a diferenza entre o servizo público ou o privado?
En ocasións dende a empresa pública non se lle concede un lugar preferente á prospección laboral, espazo que si lle reservan, as empresas de traballo temporal e as axencias de colocación xa que unha das súas principais razóns de ser é a intermediación laboral e, en moitos casos a formación á carta. Nembargantes, en moitas casos a prospección si que se amosa como unha ferramenta eficaz para proporcionar as solucións que nos demandan dende o tecido empresarial.
Temos que ter coidado porque aínda que a prospección é unha ferramenta moi poderosa ás veces cometemos erros que nos poden facer perder empresas polo camiño. Así, por exemplo, cando tratamos de favorecer a inserción de colectivos vulnerables podemos corre-lo risco de prexudicar ás persoas ó incluílas baixo determinadas etiquetas. Outro perigo é queimar ás empresas causándolles molestias no seu funcionamento interno, interrupcións en momentos de moito traballo… para, finalmente, non conseguir achegarlles ningunha solución ás súas demandas, ou que non se vexan cumpridas as expectativas xeradas despois da nosa incursión na súa empresa.
Para tentar minimizar a perda de empresas, un aspecto moi importante é non mentir ou tratar de enganar ó empresariado para tentar favorecer a inserción laboral nun momento dado ou conseguir que un proxecto determinado saia adiante; porque aínda que a curto prazo solucionaremos a papeleta isto pasaranos factura no futuro e prexudicaremos e hipotecaremos vindeiras colaboracións.
Como podemos conseguir que as empresas se unan ós nosos proxectos?
A resposta é sinxela, ofrecéndolles servizos de calidade. É moi importante elaborar un catálogo dos servizos que podemos poñer á súa disposición. Teremos que facer unha boa detección das súas necesidades e procurar satisfacelas, de non ser así deberémoslles explicar o motivo polo que non puidemos cumpli-las súas expectativas, para que non se elimine a posibilidade de establecer colaboracións futuras coa empresa.
Para achegarnos ó empresariado a forma máis efectiva é o contacto persoal. Previamente faremos unha preparación da visita e concertaremos unha entrevista presencial. Deberemos coñecer o perfil da empresa e dispoñer con anterioridade da máxima información posible, xa que nos facilitará o traballo de prospección.
Na sesión de prospección de empresas do que se tratou foi de poñer en común esas ferramentas de recollida de datos e de como afrontar as diferentes situacións que nos podemos atopar: se a persoa responsable está ou non dispoñible, como concertar a primeira entrevista, como "enganchar" a esa persoa, etc. Tratouse de, a través do roleplaying presentar situacións reais coas que nos podemos atopar.
A preparación previa da chamada, ou da ficha de recollida de datos é un dos traballos máis importantes da prospección de empresas, porque non podemos perder de vista o obxectivo que nos leva a contactar con elas, unha colaboración mutua que a longo prazo pode ser beneficiosa para todas as partes implicadas no desenvolvemento local: as persoas desempregadas, as persoas que desenvolven a orientación laboral, as empresas, etc.
É fundamental posuír determinadas habilidades sociais, entre elas, a escota activa é primordial xa que nos axudará a detectar as súas necesidades. É importante, asemade, establecer acordos e compromisos coa empresa e favorecer intercambios. Parte do noso éxito radicará en rexistrar e codificar correctamente toda a información que recollamos na empresa, pois facilitará poderlle ofrecer os servizos do noso catálogo que realmente precisa.
E, que lle podemos ofrecer á empresa?
Entre outros, os seguintes servizos:
Entre outros, os seguintes servizos:
- intermediación laboral, bolsa de traballo
- prácticas laborais
- formación con compromiso de contratación
- sesións grupais de recrutamento
- outplacement
- aproximación da empresa á cidadanía
- orientación
- asesoramento sobre planes de igualdade e responsabilidade social corporativa
- fomento do asociacionismo empresarial
- observatorios de mercado de traballo
- diagnóstico empresarial
- contraprestación de servizos
- recoñecemento, visualización das empresas
- asesoramento e titorización en procesos de selección de persoal
- formación
- asesoramento e innovación
- encontros empresariais
Tamén é conveniente deixar unha porta aberta ó deseño de estratexias innovadoras e abertas, de forma que sexa a propia empresa a que exprese as súas necesidades, deseñando espazos de colaboración entre o sector público e o sector privado.

