lunes, 6 de julio de 2015

Resumo, reflexións, opinións e esquemas conceptuais...

Ao longo do módulo 1 afondamos na situación do mercado laboral, coñecendo de primeira man os elementos que o integran, así como as causas e consecuencias do desemprego. Máis polo miúdo, analizamos a estrutura económica actual, valéndonos para elo da normativa existente, de ferramentas de estudo, do comportamento das ocupacións e das tipoloxías de traballo: conta propia e allea. Neste senso, pareceume enriquecedor examinar a iniciativa emprendedora como unha das formas de acceso ao mercado laboral, xa que me facía moitas preguntas sobre a mesma, e tiña unha menor experiencia profesional no tocante ao autoemprego.

A través do xogo de simulación emprendedora e a metodoloxía Canvas puiden concretar moitas das miñas dúbidas sobre como comezar a traballar a idea de negocio; resultoume unha experiencia útil e inclinou a miña balanza de cara a enfocar a temática do traballo final (xa que me pareceu un reto o feito de continuar avanzando e aprendendo, de cara a poder asesorar cun maior coñecemento a aquelas persoas que deciden montar a súa propia empresa).


A reflexión realizada na sesión presencial sobre a formulación keynesiana da demanda agregada e a capacidade que ten o goberno de actuar cando o mercado laboral non vai ben (referida ao recorte drástico do gasto público que se ven facendo nos últimos anos), púxome de moi mal humor. Xa que, como supoño que lle pasará a moitas/os compañeiras/as do curso, teño a sensación de ir cara atrás, de estar asistindo á desaparición do Estado de Benestar, e de ver como non se está a apostar por un novo modelo produtivo. Malia a que son consciente da limitación temporal deste curso ponte, gustaríame moito poder afondar ao longo das sesións presenciais sobre cal podería ser o modelo produtivo que nos axudaría a saír desta realidade endémica. 


Ao longo deste primeiro módulo tamén afondamos no marco de referencia da orientación laboral, pudendo actualizar os meus coñecementos sobre a política de emprego existente en España e Europa. Dentro dos referidos coñecementos, aproveitei sobremaneira a información transmitida sobre o programa de garantía xuvenil ao longo dos obradoiros prácticos realizados, xa que considero que existen aínda moitas lagoas a este respecto. Salientar asímesmo, que o traballo en grupo é para min o aspecto máis positivo deste curso; estou a aprender coma unha esponxa del, sobre todo das compañeiras do meu grupo Valorízate, tanto a nivel persoal como profesional.

En referencia ás competencias dixitais traballadas, estou contenta de ter ampliado os meus coñecementos, sobre todo de twitter e storify; xa que son dúas ferramentas que non estaba a utilizar e creo que teñen unha clara aplicación práctica na miña vida profesional.

[Para saber máis... sobre o cambio do modelo produtivo mencionado ao inicio desta reflexión, podería ser interesante participar en foros de debate como o propiciado pola UNED, aí vai o seu link https://twitter.com/NuevoModProduct?lang=es Que opinades?]

No hay comentarios:

Publicar un comentario